13 Barreiatzen 13: Olga Patiño Abeixón

Soziolinguistikaren dibulgazioa: gaur eta hemen

garaigoikoa

Barreiatzen egitasmoko azken ekarpena duzue gaurkoa. Bidaia luzea egin dugu Galiziaraino eta hango bati ere galdetu diogu dibulgazioaz, interesgarria izango zelakoan. Olga Patiño soziolinguista eta irakaslea dugu, eta teknologia berrietan aritua.

Como cres que se deben divulgar nun futuro os temas máis incitantes da sociolingüística galega?

 

Son moitas as persoas que poderían dar resposta a esta pregunta tan xeral que desde Euskal Herria me formula o colega e cada vez máis amigo Txerra:

 

  • Profesionais da materia con perfís variados que traballan como técnicas e técnicos en Servizos de Normalización Lingüística, en empresas ou pola súa conta.

  • Persoas que traballan e colaboran en diferentes colectivos a prol da lingua, en asociacións culturais, en centros sociais…

  • Docentes que levan moitos anos facendo e construíndo con lingua desde o seu maxisterio ou desde os historicamente chamados Equipos de Normalización Lingüística.

  • Profesoras universitarias que desde diferentes campos e baixo un plano teórico ou práctico fan propostas e ensáianas desde os espazos nos que se moven.

  • Ou calquera persoa galegofalante (en calquera das súas variedades) que intenta exercer como tal na súa vida diaria vencendo os obstáculos que atopa, as caras de incredulidade ou os dedos que a sinalan.

 

E tamén son diferentes os temas que deberiamos tratar con urxencia por supoñeren un reto para garantir a presenza da lingua galega na sociedade, ou cando menos para que calquera persoa que viva en Galiza poida desenvolver a súa vida con normalidade en galego: o ensino ao que tanto mal lle están a facer os nosos gobernantes, os medios de comunicación nos que teñen a lingua amordazada e secuestrada, a sanidade que nos acaba convertendo en vítimas por usarmos a nosa lingua…

 

Aínda así, non son eu quen de establecer prioridades canto a temas, pero cada día estou máis convencida que debemos ser coidadosas no xeito de planificar e dinamizar as intervencións, igual que as maneiras nas que nos movemos nos diferentes ámbitos e espazos: non todos os sombreiros cobren a cabeza para desempeñar a mesma funcionalidade, nin locen do mesmo xeito. Iso si, sempre “A favor” sen deixar de reivindicar e reclamar calquera cuestión que afecte por xustiza ou dereito á nosa lingua como recentemente recolle Nel Vidal (presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua) en dous artigos xornalísticos; con creatividade como nos contaba José María Sánchez Carrión hai un par de anos, xuntándose os cazadores, os transportistas e os vendedores de soños que no meu país están esparexidos pola xeografía adiante en múltiplas causas e diferentes espazos.

 

Hai anos que o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela elaborou un “Decálogo do/a normalizador/a”. Non son moito eu deste tipo de textos máis recollíanse alí entre outras, sentenzas claras como “Nihil humanun alienum est” e “Non mires para o teu embigo. Procura que o que fagas sexa útil para algo máis que a normalización”. Aquel textiño que saíu do DLG de Compostela, das mans da técnica de normalización lingüística e das persoas que naquel momento tiñan alí unha bolsa de formación, segue hoxe apuntando maneiras de traballar válidas para moitos dos temas que están na folla de ruta de quen se dispón a atallar calquera tema de urxencia para procurar a normalización do galego.

 

Eu aposto en calquera dos temas pola filosofía de Pipi a das medias longas, con contundencia; con forza e procurando estímulos en calquera lugar; con humor; de xeito descarado e bondadoso ao mesmo tempo; apostando polas potencialidades do galego (igual que as que teñen outras linguas pero esta é a miña), con forza e procurando estímulos xa for en proxectos colectivos ou individuais, públicos, privados ou autoxestionados…

License

Barreiatzen 13: Olga Patiño Abeixón Copyright © by garaigoikoa. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *